7.2.17

Publicar un libro en Twitter: a miña escrita en directo

Pasaron xa máis de dous meses desde que comecei en Twitter o proxecto literario de @Tw140Poemas, titulado, ironicamente, Estado de Malestar. Confeso que comecei con certa inseguridade, polo que tiña de «aventura» exploratoria, un sentimento que se cadra se pode aplicar a todo o que é iniciático.
Efectivamente, o que trato de levar a cabo é un proxecto de exploración literaria, escrito en directo, día a día, diante das lectoras e lectores que me queiran acompañar. Tamén debo confesar que o reto continúa a provocarme a día de hoxe unha certa tensión diaria debido ao compromiso que me obriga a estar mentalmente pendente do que podo, quero, vou ou, sobre todo, consigo escribir cada día.
Evidentemente, non son a primeira persoa que realiza unha aposta deste tipo –na literatura electrónica hai unha corrente de relación entre a Twitter e a creación literaria– e mesmo na literatura galega hai iniciativas semellantes como que leva a cabo desde hai algún tempo Helena Villar Janeiro, coa súa #poesíaminima escrita a partir de fotografías ou, desde outras plataformas pero con certa analoxía, o proceso pioneiro de En construción que Eduardo Estévez levou a cabo hai anos desde un blog.

En calquera caso, a verdade é que a miña experiencia, polo de agora, está a ser moi positiva, basicamente por tres motivos fundamentais:
1) O reto obrígame a medir cada expresión, cada palabra, a realizar un exercicio de síntese bastante complexo, a experimentar e apostar desde a improvisación, a medirme coas características e condicións que impón un medio novo –e para min creativamente descoñecido–, pero factible para a creación literaria, como é Twitter. E iso supón un proceso de aprendizaxe importante.
2) Resúltame moi gratificante a visibilidade e a inmediatez da comunicación coas lectoras e lectores, así como esa constancia que se renova cada 24 horas desde a regularidade e a continuidade creativa, e tamén o seguimento que fago da resposta nas redes sociais. Tamén teño a esperanza de que todo isto axude nalgunha medida a desmitificar e comprender o proceso de creación literaria.
3) Permíteme explorar a miña capacidade expresiva en formas e espazos que non son habituais no libro en papel, que non entran dentro das «distancias» canónicas da literatura e que, daquela, me permiten un grao de liberdade maior e me adestran en novas formas de comunicación literaria, tan válidas coma calquera outra; formas que probablemente no futuro teñan un gran peso nunha literatura que se vai adaptar a sociedades cada vez máis dixitais.

Nestes momentos sobrepasei xa os 70 micropoemas ou tuits. Ora ben, hai días que me pregunto se vou ser capaz de chegar a meta con dignidade. Teño un obxectivo de tempo para o proxecto –modesto, pero axustado á realidade, creo– aínda que prefiro non explicitalo polo de agora (certo, hai algo de covardía nisto).
 A maior parte dos problemas con que estou atopando responden a dous factores:
1) Apenas podo deixar repousar os tuits ou micropoemas para unha posterior e conveniente relectura, acuciado pola inmediatez, pola necesidade de cumprir, polas características do reto, e iso non me permite a suficiente distancia do texto desde que o escribo ata que o publico. Sen dúbida, é un inconveniente que vai en detrimento da necesaria revisión, do pulimento, dunha ollada máis fría e distante e, daquela, máis eficaz e crítica. Xa que logo, vaian por diante as miñas desculpas por todos as eivas derivadas da precipitación.
2) A limitación do número de caracteres é outro dos problemas cos que adoito tropezar con frecuencia. Nese sentido, practico unha limpeza «rápida» que ten que ver coa eliminación de palabras ou de estruturas sintácticas que preferiría deixar pero que estou obrigado a retirar para que teñan cabida en Twitter. Ese é o xogo.

Cal é o meu proceso de escrita? Adoito escribir os poemas a man (cousa insólita en min), logo tecléoos no ordenador e finalmente mídoos en Twitter. E aí é onde me teño que pelexar co escrupuloso contador de caracteres desa rede social. Aí comeza a verdadeira batalla, batalla que me pode levar a darlle a volta ao poema, a suprimir artigos, posesivos, adxectivos ou a formular un novo plantexamento de toda a estrutura do poema, mudando a súa fasquía. Outra veces, poñamos por caso, resolvo apostando por un xerundio –que me gusta menos– para sacrificar unha oración de relativo, por exemplo. É certo que de cando en vez me sobran caracteres, quedando espazo libre, pero aínda así case son quen de introducir contidos a través de ligazóns debido á extensión das url. ESa vía de interacción é case imposible. De feito, cando comecei esperaba introducir moitas máis ligazóns das que son quen de usar, por moito que empregue acurtadores de url. Por fortuna, as fotografías ou vídeos que se suben directamente non ocupan espazo, pero decidín usalas unicamente baixo dous supostos: que realmente teñan sentido e unha forte relación co texto e que eu sexa o autor da fotografía ou do vídeo, evitando reutilizar material que circula por Internet. Trátase de personalizar o que fago na maior medida posible.

Entre os aspectos que valoro máis positivamente, unha das que máis disfruto é o emprego das #etiquetas, que actúan como título, que cumpren a función de focalizar o poema en relación a unha palabra... ou a varias (pois resulta excelente poder etiquetar dúas ou tres, ou máis palabras nun mesmo micropoema), e poder comprobar que as etiquetas funcionan non só como motor de busca e localización (e interacción, daquela), senón tamén como referente para marcar as palabras que poden sintetizar, titular ou focalizar o sentido do micropoema.

En canto aos temas dos que boto man para escribir son, como se pode ver nunha lectura rápida, moi amplos (de feito ao principio non imaxinei que fose abrir tanto o abano de posibilidades), e debo confesar que responden, esencialmente, á improvisación do náufrago, aínda que estou por asegurar que case sempre parten dunha visión persoal da vida, unha visión que bota man de imaxes da vida urbana ou da natureza para tratar de provocar a reflexión. Non se trata máis que de intentar sacarlle partido á concisión da linguaxe e dar resposta á miña conciencia de escritor comprometido co labor de deitar claves –non necesariamente explicativas, senón focalizadoras ou interpretativas– sobre o tempo e a sociedade en que vivo. De feito, resulta especialmente importante para min afondar nunha visión íntima e persoal, bastante subxectiva, desde unha rede social –Twitter– que case sempre adoita representar, fronte ás demais redes sociais, o punto de vista máis distanciado ou informativo, o que menos dá pé a exhibir esa intimidade tan compartida e exhibida noutras redes sociais.
En calquera caso, na relectura que acabo de facer (se é posible ler o que un escribe, que non estou seguro) descubro diversas liñas, diversas tendencias, con fortes interseccións, que se cadra parece que compiten entre si, aínda que prefiro crer que conviven harmonicamente e dentro dunha lóxica (simplemente, porque me convén crelo, nada máis). E algunhas das cousas que vin nos micropoemas (digo que vin, non que quixen facer) foron as que detallo a continuación.


Ás veces o enfoque pode ser moi social, coma este:

A moza en #paro que agarda na consulta do médico o remedio para a gripe sabe que ninguén poderá sandar a tristura lánguida dos seus ollos.
https://twitter.com/Tw140Poemas/status/828689424628199425

Ou máis íntimo, coma este:

Día tras día, o aguillón que delimita o tempo, imponme un #espertar sobresaltado e torpe que me deixa indefenso ante a vida que recomeza.
https://twitter.com/Tw140Poemas/status/808427634057216001

Mesmo profundamente confesional, coma este:

Que as miñas cinzas sexan memoria e se desfagan nun verso de luz cando galopen ao vento nos montes da Groba ata fundirse co mar. #Testamento
https://twitter.com/Tw140Poemas/status/807576340148916224

Ou máis perto do aforismo, coma este:

Expropiados os seus significados para desfigurar a verdade, a #palabra é a simple ilusión dun mago.
https://twitter.com/Tw140Poemas/status/805885738898386945

Ou máis narrativo, coma este:

Todos e cada un dos días da existencia lembra aquel intre no que subíu ao tren da vida e tivo que baixar por medo a marearse #SeñoraLola
https://twitter.com/Tw140Poemas/status/826510829122154496

Ou con vontade de facer unha chiscadela á miña propia obra, como o anterior ou estoutro, máis literario:

A rapaza de pelo amarelo e nariz de magdalena leu a #Carver e soñou que había un pavo na bañeira peteirando as súas pastillas favoritas.
https://twitter.com/Tw140Poemas/status/827953625230147584

Con raíces na cultura urbana, que é a que me (nós) define:

Cando un vehículo con sirena de urxencias se detén na rúa, a xente mira con esa curiosidade visceral que tanto precisa do #drama da ficción.
https://twitter.com/Tw140Poemas/status/819622941126225920

Sen esquecer a continua ligazón coa natureza:

Tras os cristais, as #árbores estiran os seus #nervios ata tronzar o aire e adentrarse nas miñas #veas á procura da clorofila do sangue.
https://twitter.com/Tw140Poemas/status/814836166193250304

Procurando sempre o sentido crítico:

A escrita das nosas vidas, feita e desfeita coma pedramol, é o trofeo que vomitan as redes, omitindo que man decide a tipografía #Liberdade
https://twitter.com/Tw140Poemas/status/805055647318417408

Procurando a complicidade coa realidade do día a día:

A rabia mordendo o sangue incandescente porque, unha vez máis, a palabra móstrase impotente para responderse a si mesma #ViolenciaMachista
https://twitter.com/Tw140Poemas/status/810911271813947392

Incluíndo unha certa reflexión metaliteraria, sobre o propio acto creativo ou a literatura:

Quero deixar en cada palabra que escribo un relampo de seme coa marca da paixón, rabia, ironía, tensión e vida, e case sempre #fracaso
https://twitter.com/Tw140Poemas/status/809108737566867458

E, evidentemente, tamén de feitura radicalmente poética:

Maldigo esa arrogancia que deitan as motos ao pasar, coma os machos que cospen sobre a rúa o excedente de saliva da súa #masculinidade.
https://twitter.com/Tw140Poemas/status/804787131394752512

 O #silencio da palabra é unha esponxa enchoupada en auga.
https://twitter.com/Tw140Poemas/status/815638844267757569

En fin, un libro diverso. E digo libro a conciencia, porque Estado de Malestar é un libro, dado que un «libro» historicamente non se define polo seu soporte senón polo seu contido, por moito que a forte pegada que deixou en nós a imprenta nos trasmitise unha visión demasiado hexemónica do concepto «libro».

Cando abrin a conta de @Tw140Poemas, optei por non seguir a ninguén (agás a min mesmo) e facelo unicamente con aquelas persoas que se interesaban polo proxecto e decidían facerse seguidoras da conta de Estado de Malestar. Elixo esa forma de comportamento porque é un xeito de crear unha comunidade de intereses compartidos e, tamén, un xeito de correponder cos meus lectores e lectoras.

E se Twitter supón a orixe, dando sentido ao proxecto e marcando o seu formato, o público lector amplíase a través de Facebook porque a conta de Twitter está automaticamente conectada co meu perfil de Facebook, onde se publican de xeito inmediato os micropoemas e onde, posiblemente, haxa un índice de lectores e lectoras maior que na propia rede social que os acolle orixinalmente (é unha impresión, non podo medilo).

E quero despedirme facendo explícito o meu agradecemento a todas aquelas persoas que siguen Estado de Malestar, que len, que participan, que comentan, que comparten, etc.

Pero neste punto é preciso realizar un agradecemento moi especial a Fina Iglesias, tradutora de Males de cabeza ao catalán, que está a traducir Estat de Malestar e publicándoo na propia conta orixinal, como resposta a cada un dos tuis, á marxe de que logo eu os retuitee na miña propia conta de @franalonso. Os poemas en catalán poden seguirse tamén coa etiqueta #EstatdeMalestar. Trátase dun enorme esforzo que non quero deixar de agradecerlle.

En conclusión, entendo que a miña misión como escritor tamén debe pasar ineludiblemente por sacarlle partido as novas plataformas de comunicación ligadas ás tecnoloxías sociais para sometelas a un careo creativo e contrastar o resultado, aínda que comporte un certo risco –desde o punto de vista literario, claro–. En calquera caso, a literatura sempre é un risco, un reto.







Ningún comentario:

Publicar un comentario