6.1.12

A miña homenaxe a Isaac Díaz Pardo. Dous textos sobre el

Desde Cabrafanada quero unirme á despedida de Isaac cun sentido adeus. Como persoal homenaxe a súa figura reproduzo dous textos da miña autoría sobre el.
O primeiro é a laudatio que me tocou facer na Noite da Edición de 2006 cando foi nomeado Presidente de Honra da Asociación Galega de Editores. O texto pódese ler ou descargar neste enlace.
O segundo é a entrevista que lle fixen en 1991 e que reproduzo no meu libro Contesta ou disparo, que tamén se pode descargar integramente.

Isaac Díaz Pardo

«Hai quen está interesado en
que non se lembren as cousas»


Responsable do complexo Sargadelos e de Ediciós do
Castro, Isaac Díaz Pardo é un dos grandes mecenas
da cultura galega.

—Séntese satisfeito co xeito en que o tratou a vida?
—Non. Máis ben sempre rexistrei fracasos.

—Quédalle moito por facer?

—Quédame moito pero xa non teño tempo.

—Non ten confianza no futuro?
—Ningunha. Teño xa 71 anos e estou na antecámara
de desaparecer. Non teño ilusión ningunha polo
futuro.

—Que faría se fose presidente da Xunta?

—Nunca o pensei, pero trataría de poñer Galicia ao
servizo dos galegos e non dos intereses estranxeiros.

—Estamos a perder a memoria histórica?
—Estou absolutamente convencido. Pero perdémola
porque hai quen está interesado en que non
se lembren as cousas.

—A autodeterminación é un dereito dos nosos pobos?
—Nos nosos tempos, en que prevalece a democracia,
afloran os feitos culturais diferenciados
por enriba dos estados, que xeralmente están feitos
na cama conxugal. No caso do estado español,
mentres Isabel e Fernando estaban na cama, facían
tamén un estado.

—Os libros ou a cerámica?
—Os libros.

—Dígame algo que lle moleste.
—Eu mesmo. Ser como son.

—Dígame algo que lle agrade.
—Xa son vello para esperar o que máis me agrada.


1 comentario:

  1. En só catro respostas podemos ver tal e como era o mestre. Grazas por rescatar a entrevista. A última vez que o vin foi nunha charla nun cursiño para docentes en Pontevedra e sain emocionado pola naturalidade como contaba toda a actividade no exilio con Castelao, Arturo Cuadrado, Seoane,...

    ResponderEliminar