9.11.10

A intifada dos saharauís

Ante a súa actualidade estes día, reproduzo en Cabrafanada o artigo de opinión que publique en A Nosa Terra a principios de ano. Incide na importancia da rebelión nas zonas ocupadas. Hoxe por hoxe, é a única via, a través do conflito, para saír do conflito.

Saharauís

A folga de fame de Aminatu Haidar sacou á luz publica un conflito esquecido e enquistado, que durante 35 anos imprimiu sobre o corpo dos saharauís a condición, case eterna, de refuxiados. Pero, ademais, sacou á luz pública outra cuestión: unha resolución satisfactoria da ocupación non vai chegar nunca grazas aos pacientes esforzos dos refuxiados senón, máis ben, grazas á difícil resistencia dos saharauís que viven en territorio ocupado.
Para volver a atopar na prensa internacional certo eco da causa hai que remontarse á intifada do ano 2005. A intifada, por certo, sempre existiu e sigue existindo, nas zonas ocupadas por Marrocos, aínda que con dificultades, cun xigantesco control policial e cunha estrita lei de silencio mediático. A do silencio é a tónica habitual da loita dun pobo nómada, confinado a vivir en condicións precarias nos campamentos de refuxiados e represaliado, perseguido e marxinado nas zonas ocupadas. En realidade, os saharauís, loitan polo seu dereito a existir. Por iso non se apagou aínda a súa resistencia e é moi difícil que se apague.
As cousas cambiaron moito, con todo, nos campamentos. A estratexia marroquina de dilatar o conflito no tempo está a dar algúns resultados: medrou considerablemente a desesperanza, existe certa desconexión das novas xeracións coa causa e o país, moitos saharauís buscan alternativas fóra… A maiores, o programa Vacacións en Paz creou tensións e desigualdades en Tinduf debido á solidariedade mal entendida e incidiu demasiado na colaboración humanitaria esquecendo o compromiso político nun conflito que é estritamente político.
Sen dúbida, hoxe máis que nunca, a esperanza está na resistencia e na rebelión das propias zonas ocupadas.

Fran Alonso

Ningún comentario:

Publicar un comentario