9.4.10

Lonxa literaria

Hai bastantes días que tiña pendente facer un comentario sobre a ridícula subvención concedida á Lonxa Literaria de Moaña, unha asociación pioneira na creación de clubs de lectura en Galicia. Curiosamente fun eu, con Males de cabeza, o primeiro escritor en abrir a súa liña de sesións dos clubs de lectura con presenza dos autores, hai nove ou dez anos. Posteriormente tamén participei na súa tertulia xuvenil, con O brillo dos elefantes, se non lembro mal. E mesmo colaborei na fermosa actividade ¨O conto viaxeiro¨, a través da que implican a todos os escolares do concello. A concesión dunha subvención de 83 euros a unha asociación cunha traxectoria coma esa constitúe unha feísima desconsideración a un traballo cidadán exemplar.
E, desde logo, non ten ningunha lóxica alegar que non se axustou ás bases da convocatoria, pois a concepción das subvencións de diñeiro público para estas iniciativas debe estar sempre ao servizo do traballo e das ideas pioineiras da sociedade civil e non ao revés. As que están a crear dinámicas interesantes e imitables son este tipo de iniciativas e suponse que as subvencións se convocan para poñerse ao seu servizo. En caso contrario, ¿que sentido teñen? De feito, a traxectoria da Lonxa Literaria de Moaña é amplísima, impecable, pioneira, e ten o mérito e a lexitimidade de ser a responsable de prender o lume dos clubs de lectura en Galicia, o que debería ser moi de agradecer, especialmente para unha institución pública. Aquí pode lerse unha descrición do seu labor. Se non se apoia institucionalmente este tipo de iniciativas, ¿como esperamos conseguir unha sociedade lectora?

Ningún comentario:

Publicar un comentario