19.11.08

Cabrafanada xa ten un lustro

Cabrafanada xa ten un lustro. Acaba de cumprir cinco anos: un lustro. Foron cinco longos anos desiguais, a distintos ritmos, pero cinco longos anos posteando desde aquel día de novembro de 2003 en que decidín crear un blog, toda unha peripecia que xa teño relatado. Creo que non me equivoco se afirmo que fun o primeiro escritor galego que abriu un blog. Hoxe, cinco anos despois, sei que Cabrafanada cumpriu unha etapa. É unha etapa que remata, que precisa rematar.
Ao longo destes cinco anos, a palabra (que foi o que me impulso a abrir o blog) foi perdendo peso en Cabrafanada. Por unha banda, debido á canseira, ao esgotamento de alimentar un becho insaciable coma este; tamén á falta de tempo, co recurso ás imaxes. Pero, por outra, tamén debido á aparición de YouTube, con todo o seu atractivo e con todo o que significa, no marco dese interesante camiño que está a levar a que os blogs se convertan en pequenos (pero poderosos) instrumentos multimedia.
En calquera caso, cabrafanada non desaparece. Simplemente, ralentizará, no futuro (aínda máis) a súa periodicidade (se é que chega a manter certa regularidade) pero, sobre todo, fará un esforzo para adaptarase aos novos tempos, por empregar as novas tecnoloxías ao servizo da miña causa, que non é outra que a da miña condición de escritor, xa que baixo esa condición abrin Cabrafanada hai cinco anos.
Xa que logo, durante todo este tempo (e mesmo despois) emitirei desde cabrafanadablog.blogspot.com, entanto o enderezo tradicional cabrafanada.blogspot.com sofre as reformas precisas que o convertirán nunha plataforma web.
Sexa como sexa, non me queda máis que agradecerlles aos lectores e lectoras de Cabrafanada estes cinco anos de apoio e paciencia. Moitas grazas, de verdade.
Eu continúo, pero doutro xeito.





(Esta imaxe inferior roubeilla a Selva de Esmelle. Grazas, Selva).

Ningún comentario:

Publicar un comentario