30.6.07

Pregón da Feira do Libro de Vigo

Hoxe (xa onte, que pasa media hora das doce da noite) pronunciei o Pregón da Feira do Libro de Vigo. Como alguén me suxeriu que o publicase en Cabrafanada, aí vai.

Autoridades, amigas e amigos:
Unha noite, a causa do insomnio, lin dunha tacada un libro excepcional. Eu prefiro ler dunha tacada, pois como di o escritor mexicano Gabriel Zaid, non hai unha forma máis segura de facer inintelixible un libro que lelo demasiado a modo. Era un vello libro ilustrado, elegante, fermoso. As súas páxinas, sorprendentemente, aínda cheiraban a tinta e a amoníaco. Non sei de onde saíu. Estaba alí, na cabeceira da miña cama, confundido con outros moitos que adoito deixar nese lugar. Botei man del, como imantado, e púxenme a ler. No libro contábase a historia dunha araña enganchada na lectura, tan enganchada que nunca daba tecido a súa tea porque non quería perder nin un minuto de lectura. Era unha araña esvelta, con algúns pelos nas patas, que non usaba lentes para ler a pesar de que apenas erguía a vista dos libros; só o facía para relacionarse con outras arañas, coas que mantiña apaixonadas conversas. O tempo foi pasando e, como nunca deu feito a súa arañeira, quer dicir, a súa casa, a protagonista do libro vivía á intemperie, sufrindo todas as vicisitudes que ese tipo de abandono conleva. Ora, era innegable que cando lía, ademais de divertirse e gozar tantísimo, transmitía certo aspecto de autoridade.
As outras arañas admirábana. A súa participación nas conversas era sempre tan acertada, tan calibrada, e con tanto coñecemento de causa, que acabaron por consultarlle a ela calquera dúbida que tivesen. Chegou un momento en que mesmo lle pedían consello acerca de como tiñan que construír as súas arañeiras, a ela, precisamente, que nunca chegara a tecer a súa.
E iso foi o que fixo que a nosa araña entendese que en realidade, sen decatarse, ela tamén tecera unha arañeira. Tecera unha arañeira coas súas lecturas, e estaba feita cos fíos da racionalidade, do equilibrio, da confianza, da capacidade crítica, da independencia persoal. E, nesa arañeira virtual vivía, desde había tantos anos. E ben protexida, por certo. Claro que era unha arañeira invisible, pero moito máis sólida, máis tépeda e íntima que ningunha outra. E, coa súa, axudou a construír moitas outras. É que as que ela axudaba a tecer estaban feitas de letras, de signos, de palabras que fora capturando en cada un dos libros que lera. Entón soubo de que as súas lecturas edificaran a arañeira máis prodixiosa que descubrira nunca. E soubo tamén que, real ou virtual, analóxica ou dixital, non hai arañeira sen libros. Sen libros, estaba condenada a construír sempre a mesma tea fráxil.
En todo caso, aquela suposta lectura fíxome entender que o Universo Libro é como unha xigantesca, deslumbrante e perfecta arañeira en que todas e todos nos bambeamos. A do Universo Libro debemos concibila como unha arañeira redonda, de círculos concentricos, estreitamente comunicados entre si por fíos transversais que unen, cunha arquitectura perfecta, os distintos niveis de relación. No primeiro círculo da arañeira bambéanse as escritoras e os escritores, que poñemos a materia prima elaborada, que é intanxible, porque se constrúe coa palabra, tal e como Sócrates fixo hai tantísimos séculos. Nós construímos novos corazóns de tinta coa cabeza e tamén coa lingua. Xa que logo, sen lingua non existe literatura, sen lingua galega non existiría, desde o século XII, con autores como Martín Códax, ese prodixio chamado literatura galega.

Pero volvamos á arañeira. Como vían que non caían, os escritores foron chamar aos editores. No segundo círculo da arañeira bambéanse os editores. Son os que envólven as palabras xa elaboradas. Ese envoltorio chámase soporte. Pero, sobre todo, os editores son representantes activos dun ideario cultural, que defenden e propulsan. Xa que logo, máis que traficantes de libros son traficantes de soños, profesionais que envasan e defenden con convicción e entusiasmo as palabras das escritoras e os escritores.
Pero volvamos á arañeira. Como vían que non caían, os editores foron chamar aos libreiros. No terceiro círculo da arañeira bambéanse os libreiros. Os libreiros –en palabras do xa citado Gabriel Zaid– son magos que teñen que adiviñar que libros desexa ler en cada momento calquera dos seus clientes para recomendarllos. E, o que é máis difícil, teñen que acertar. Certamente, nunca escoitei unha definición máis acertada dos libreiros: son magos. E coa súa maxia, que é íntima, familar, e moi próxima, impregnan os lectores coas palabras que escribiron os escritores a través dos libros que deseñaron os editores. Como vemos, funcionan os fíos transversais porque son vasos comunicantes imprescindibles nesta arañeira mesta e prodixiosa que é o Universo Libro.
Os libreiros non só son magos, ademais, son os arriscados e esforzados propietarios deses locais fabulosos chamados librerías que se abren paso con dificultade entre o cemento das nosas urbes para facelas máis humanas, máis habitables e máis libres. En Galicia, as librerías son as mellores aliadas do libro galego, tendo en conta que arredor do 70% da facturación total da industria do libro se realiza en librerías, o 10% en cadeas de librerías e unicamente o 5% en hipermercados, o que pon de relevo a tendencia unificadora e o comportamento empobrecedor das grandes superficies, que non consideran rendible o libro galego e, polo tanto, rexéitano. Pola contra, cada librería é como un exuberante xardín botánico: garante a calidade e, sobre todo, a diversidade das especies.
Pero volvamos á arañeira. Como vían que non caían, os libreiros foron chamar as lectoras e lectores. E é que hai unha verdade implacable: o libro non é posible sen eles. Pero nin sequera os escritores existirían sen lectores ou, cando menos, non existirían publicamente. E que dicir das librerías, porque ¿a quen lle venderían os seus libros? Xa que logo, as lectoras e lectores son o epicentro da arañeira, por iso tecen os fíos que a sostén.
Un lector é un ser privilexiado. O problema é que moitas veces non lle damos importancia, porque a riquísima plusvalía que nos conceden os libros é inmaterial. Non se ve. Unha lectora ou lector é unha persoa que se asoma ao mundo desde a terraza dos edificios máis altos, o que lle proporciona unha visión privilexiada das cousas.
Se o epicentro da arañeira é débil, a estrutura treme. Se o epicentro é tan duro como o cuarzo, o Universo Libro revirte na conformación de sociedades máis libres, máis xustas, máis conscientes e con maior benestar. Xa que logo, é necesario que a lectura se convirta nunha cuestión social estratéxica. Xa que logo, é necesario que a cidade de Vigo poña fin, dunha vez por todas, ao seu gravísimo déficit bibliotecario (unha única biblioteca pública para 300.000 habitantes), reto que nestes momentos debería ser preferente para calquera goberno municipal. O déficit vigués é tan escandaloso que fronte aos 17,22 euros por habitante que gasta A Coruña en dotación bibliotecaria, en Vigo a cifra redúcese a 1,77, cifra que nos sitúa á cola do Estado español. Por iso é necesario crear na cidade unha rede de bibliotecas, que se convirtan en espazos de encontro, de socialización e de debate arredor do libro. Por iso é necesario fomentar os clubs de lectura, que inciden no intercambio e no enriquecemento da experiencia lectora. Hoxe por hoxe, eses son fíos imprescindibles para tecer con solidez a arañeira do Universo Libro.
Tecer con inequívoca vontade esa arañeira significa estar á altura do noso tempo, porque desde a escrita, desde a edición, desde a librería e desde a lectura nos dotamos socialmente de armas para a comprensión, para a paz, a análise crítica, para o diálogo, que é o que nos permite interpretar o mundo en que vivimos. Porque, en defintiva, o libro é unha arma de liberdade. E o Universo Libro, brillando cos seus fíos de seda, constitúe a arañeira máis fermosa de todos os soños cantos se poidan construír.

24.6.07

Marti i Pol

Fina Iglesias, tradutora ao catalán de Mals de cap (Males de cabeza), que sairá publicado cara fin de ano na colección Desabafo da editorial El Cep i la Nansa, que dirixe Francesc Mestres, envíame un poema de Martí i Pol, autor dunha obra poética que sempre me encandilou. Era un poema para celebrar o San Xoán, la nit del foc.

22.6.07

Cumplescritas

Hoxe Renato Roque deulle luz ao meu texto Ninguén, que me solicitara para as súas Cumplescritas. As cumplescritas son un proxecto que leva a cabo no seu blog o fotógrafo portugués Renato Roque. Como el mesmo di, «é um projecto novo que iniciei nesta espécie de blog a partir de fotografia. É um projecto para o qual convidei amigos, quase todos cúmplices referenciados de há muito, para todo o tipo de banditagens foto-poéticas. Todos aceitaram enviar um pequeno texto inédito, escrito para acompanhar uma fotografia minha».

19.6.07

Falar por falar

Levo toda a fin de semana sen acceso á rede, igual que, polo que eu sei, unha boa parte dos usuarios de Gondomar. Supoño que o mal tempo tivo algo que ver, porque a chuvia sempre pon nervioso o meu adsl. As novas tecnoloxías e a chuvia galega deben ser incompatibles. Desde logo, hoxe na autoestrada había moitísimo vento. Esta mañá tiven que desprazarme e puiden comprobalo ao volante. Participei no derradeiro acto cultural en que estou involucrado durante este curso nun centro de ensino. Foi no IES Pintor Comeiro, de Silleda, onde desde a biblioteca organizaron unha mesa redonda baixo o lema ¿Malos tempos para a lírica? Moderada por Carlos Lema, participamos Oriana Méndez, Diego Ameixeiras, María do Cebreiro, Celso F. Sanmartín, Miro Villar e mais eu. Os rapaces traballaron no ámbito da poesía a partir de Poetízate.
Ademais, acaban de chegarme do CPI José García García, en Mende, no concello de Ourense, as fotos do acto en que participei no pasado mes de maio inaugurando unha aula co meu nome (a aula de francés). Ese día tamén inauguraron cadansúa aula O Carrabouxo, Marta Dacosta, así como dous profesores do centro (Adán e Uxío), un deles xa xubilado.
Por certo, un dos encontros máis entrañables que tiven ultimamente foi unha estupenda charla en miniatura, todo un desafío para captar a atención dos oíntes. O desafío só é comparable á sobrecolledora charla que impartín hai anos, a instancias dunha amiga, nunha residencia de anciáns de Vilanova de Arousa.


15.6.07

Xurado do Premio Xerais de Novela 2007

Este é o xurado do Premio Xerais de Novela 2007, na derradeira reunión e xa durante o momento da votación para elixir a obra gañadora. De esquerda a dereita: Xurxo Patiño, Abe Rábade, Belén López, Xosé Lois Vilar e Lara Rozados. Eu, como secretario do xurado, presido a mesa e tomo nota dos votos. Este ano, o nivel medio das novelas presentadas era moi alto e, ademais das finalistas, ao meu xuízo houbo catro novelas máis que non conseguiron ser finalistas que tamén eran de altísima calidade. Sen dúbida, un bo ano.

14.6.07

Problemas técnicos

Estes días tiven problemas técnicos en Cabrafanada. Ás veces aparecíanme unhas caixas grises, como se fosen caixas de fotografías pero sen imaxe e con fondo gris, superpoñéndose ás fotografías auténticas e ao texto e impedindo a visibilidade parte das entradas con fotos. Supuxen que sería un problema específico do Mac e non sabía como solucionalo. A pasada fin de semana, comenteino na Illa de San Simón cun relevante membro do xurado do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil. El suxeriume a posibilidade de que o problema fose o navegador, aínda que parecía estraño xa que el emprega o mesmo navegador ca min: o Firefox. Coa mosca tras da orella, explorei e, efectivamente, tiña razón: era un problema do Firefox. Os problemas desaparecen co Safari e tampouco se presentan co Camino, que acabo de instalar. Curiosamente, nin sequera o Firefox instalado no PC me dá problemas, pero si o Firefox instalado no Mac. E non é un problema do meu Mac, porque no traballo, co mesmo navegador, tampouco podo visualizalo correctamente. Agora a cousa complícase un pouco, e por iso instalei o Camino: o Safari visualiza ben o blog pero, pola contra, non serve para editar novas entradas, pois non aparecen a maior parte das ferramentas de edición (en realidade só aparece a comprobación de ortografía e a captura fotográfica), e desde o Firefox podo editar ben as entradas pero non as podo visualizar correctamente. Son as cousas da tecnoloxía.

11.6.07

Malvela

Esta canción de Malvela é unha das paixóns musicais das miñas fillas. Da miña xanela á túa, o terceiro disco de Malvela xa está no aire.

6.6.07

Charla en Valadares

Estes días recibín fotos dunha das charlas que dei nestes últimos meses. Ao IES de Valadares fun falar de varios libros meus. A charla tivo lugar na acolledora biblioteca do centro. Notábase ben que os rapaces e rapazas leran os libros. O seu interese era manifesto. Aínda teño algunhas charlas pendentes antes de que remate o curso.