6.4.07

Cabrafanada

Contei nunha entrevista que Cabrafanada é un tópónimo existente na zona do Val do Tamuxe. Efectivamente. Creo lembrar, cando o descubrín, que se escribía separado: Cabra Fanada. Ben, pois, á marxe do topónimo, no que a min se refire, Cabrafanada non naceu neste blog, senón nun relato, titulado «Depende de nós», e publicado no ano 2001 no libro infantil Contos para levar no peto. Xa que logo, reproduzo a parte do relato onde se fala dese territorio chamado Cabrafanada:

Todo aquilo era ridículo. Moitas cousas que lle estaban a pasar non lle cadraban, pero agora non tiña ganas de pensar nelas. O que de verdade lle apetecía era ir falar coa Xirafa, unha boa amiga que vivía nas aforas da cidade, nun lugar tranquilo chamado Cabrafanada. Así que colleu o tranvía que a deixaba máis perto de alí. Quería visitala porque era a súa mellor amiga. Estaba segura de que nunca se esquecería dela, a pesar dos seus problemas de memoria. As amizades levábaas sempre prendidas no corazón.
(...)
Ela observou detidamente o pescozo da súa amiga Xirafa, recortado contra os edificios da cidade, que se albiscaban ao fondo. Sentíase feliz. Sempre que visitaba á Xirafa tiña a sensación de que logo retornaba coas enerxías renovadas, coa alma chea de forza e de luz, perfumada, e co corpo tan relaxado coma se a penas lle pesase. Era exactamente o que se di unha boa amiga, a Xirafa.







Ningún comentario: