23.11.05

Bancos

Acaba de chegarme unha amable carta da miña entidade bancaria na que me ofrecen un «fantástico» servizo. Pídenme que acuda á oficina para retirar unha clave que me dará acceso ás miñas contas a través da rede e de xeito personalizado. Con tal ferramenta, que xentilmente me ofrecen como un servizo incuestionable, poderei consultar o saldo por internet, facer transferencias, movementos, solicitar tarxetas, etc.. coa vantaxe, dinme, de que aforro desprazamentos e xestións innecesarias. O que non me din, claro, é que o fan, sobre todo, porque á devantida entidade lle vai supoñer un importante aforro económico por recorte de persoal, e vai poder aliviar a súa carga de traballo implicando ao cliente para que sexa el mesmo quen xestione os servizos. E que pasará logo? Pois o que sucederá xa se practica nalgúns países desenvolidos. En canto o acceso bancario a través da rede estea extendido, cobraránlles unha comisión aos clientes que prescindan de internet e acudan fisicamente á entidade bancaria. Non se trata de ciencia ficción: hai lugares nos que xa é unha realidade. De feito, nestes momentos en Galicia xa se limita tiranicamente o horario de oficina para o pago de recibos non domiciliados. A banca é así de xenerosa. Sempre ofrécendolle servizos ao cliente.

O texto anterior

No meu texto anterior reproduzo a miña columna de contraportada de A Nosa Terra desta semana (que non se pode ler na rede). Non adoito reproducir aquí artigos publicados noutros lugares, pero fágoo polo interese do tema para Cabrafanada. Fronte a esa realidade, a outra, miña: cada publicación dun pequeno texto no blog cústame unha eternidade de tempo, xa que o meu ADSL non funciona por culpa de Telefónica ou de Fenosa, que non o sei, pois reponsabilízanse mutuamente a unha á outra. E volvendo ao tema do marqueting na rede, o autor do libro do que falaba chega a cuestionar, cara un futuro próximo, a primacía da publicidade na televisión, argumentando que os nenos americanos xa pasan máis horas en internet que diante do televisor e que, ademais, está avanzando un tipo de gravadoras para TV que detectan a publicidade e suprímena.

A rede

Ás veces, o azar fai que os libros máis insospeitados se convertan en lecturas apaixonantes. Un tratado sobre marqueting en internet, aparentemente aburrido, que a casualidade puxo nas miñas mans, levoume a unha reflexión sobre as perspectivas da rede e o seu futuro. Aínda estamos nos alicerces do desenvolvemento de internet e, nese sentido, canto máis medre, máis tensións e intereses económicos e políticos vai canalizar. O autor do libro non é un analista crítico senón un especialista en publicidade e comercio (un experto niso que agora se chama e-business) que intenta descubrirlle ao lector interesado as claves para vender os produtos da súa empresa. E, nese proceso, sorprende ao lector con datos, anécdotas e revelacións interesantes. A conclusión máis destacable que se pode extraer do libro, sen que ese sexa o propósito do autor, é a evidencia de que para o usuario da rede é imprescindible manter unha actitude selectiva ante os contidos e un comportamento crítico coa súa utilización. A popularización da rede é irreversible. O acceso individual a internet desde a aula será no futuro unha premisa irrenunciable; a rede como ferramenta didáctica, como formación, con todas as súas posibilidades. Así que se configura como necesaria unha aprendizaxe para a utilización crítica deste novo e fantástico medio que é Internet.
Unha das partes máis interesantes do libro é a que fala do «marqueting viral», é dicir, a publicidade «simpática» ou «impactante» que determinadas marcas fan circular a través dos nosos corrreos electrónicos. E tamén analiza o potencial comercial da «blosfera», tanto para a expansión do marqueting viral como para a utilización dos blogs como ferramenta comercial. O blog é un medio de comunicación que non precisa grandes investimentos (e as empresas tratan de facelos seus); moitos deles son utilizados para fomentar debates sobre determinadas marcas. As marcas máis comentadas optimizan as súas posicións en buscadores como Google. E, por se non abondase, o libro fala dos beneficios que as campañas críticas con algunhas marcas (como Nike) lles xeran ás empresas ao popularizaren as súas páxinas web. Sen dúbida, o futuro debe repensar a rede con criterio e cautela.

22.11.05

Faktoria K de Libros

Esta tarde estiven na presentación dun novo selo editorial, Faktoría K de Libros, un ambicioso proxecto que nace ligado a Kalandraka, bos amigos de meu, e que hoxe foi presentado publicamente nun ateigado auditorio do Verbum, a viguesa Casa das Palabras. Faktoría K agroma coa ambición de cubrir varias liñas editoriais e cun perfil moi ligado aos libros de arte. Un proxecto ambicioso, rigoroso e, de seguro, con moito futuro. O papel renovador de Kalandraka na edición galega e a potencia da súa imaxe exterior son xa hoxe conquistas de gran calado para a nosa cultura. A semana pasada acudín coa miña filla a Libros para Soñar para ver o espectáculo musical Pedro e o lobo e alí tiven ocasión de ver algúns dos libros que hoxe deu a coñecer Faktoría K. Cabrafanada brinda pola nova Faktoría K. Saúde e longa vida.

20.11.05

Querido Florentino:

Escríboche para ver se podes comentarlle ao teu presidente que deixe de tocarme as pelotas. Verás, explícocho: na miña casa, situada na área metropolitana de Vigo, é dicir, nun lugar bastante civilizado, a luz eléctrica oscila contantemente, ocasionándonos algunha que outra molestia. Por exemplo, as bombillas cambian a intensidade da luz coma se estivesemos nunha discoteca. E nin as miñas fillas teñen aínda idade de ir bailar cos mozos nin eu estou xa para eses trotes. Ademais, de cando en vez o microondas perde a súa potencia e non quenta o café con leite. E comprenderás que non é cousa de estar vinte minutos esperando a que quente, filliño. Así, claro, os electrodomésticos tenden a queimársenos con extrema facilidade. Descóntasnolo da factura da luz? Grazas, non podía eu menos que confiar na túa xenerosidade. Outra cousiña, por certo. Que o ordenador se me queda colgado con frecuencia, polos vosos altibaixos. Si, fillo, e cando estou conectado á rede é un fastidio (sabes o que é a rede, non?). Comprenderás que non podo estar dez minutos esperando a que cada operación se me confirme cando escribo en Cabrafanada. Home, xa sei que non é o Marca, filliño, pero eu tamén teño os meus lectores. Sei que ti me comprendes porque es unha persoa aberta. Así que, por favor, non o esquezas e dille ao teu presidente que deixe de tocarme as pelotas. Moitas grazas, filliño. Se non chega a ser por ti...

19.11.05

Túnez

Esta noticia lémbrame o que me sucedeu unha vez, viaxando por Túnez, hai xa anos. Dixiríame nun tren desde o sur do país á capital, no norte. Durante o traxecto subiu ao tren un individuo que sentou á miña beira e de alí a pouco tentou establecer conversa comigo. Ao longo da viaxe foi interesándose por diferentes cuestións sobre a miña orixe e a miña cultura e logo, con moita habilidade, pasou a interesarse polos motivos da miña viaxe e polas miñas opinións políticas. Como eu coñecía varios países árabes, fíxome tamén diversas preguntas sobre eses países, e moi especialmente quixo saber a miña opinión sobre Túnez. Estaba moi interesado na miña visión persoal da situación política e social do seu país. Case ao final da conversa preguntoume a miña profesión. Xornalista, díxenlle eu, que daquela exercía a miña actividade profesional nun diario. Perigosos individuos, os xornalistas, contestoume expresivamente. De seguido, pregunteille pola súa profesión. O individuo levou a man ao peto da chaqueta e sacando unha placa identificativa contestoume: policía secreto.

17.11.05

Esperanza

Magnífica noticia para o mundo enteiro, esta de hoxe, aínda que por veces pareza coma se o asunto nada tivese que ver cos países desenvolvidos. Pero nesta pequena aldea global en que vivimos, todos os problemas son de todos. Esa é a única verdade. E quen non o queira ver é porque pon unha venda nos ollos.