11.2.04

Noite de lúpulo

Lin na prensa que Portugal quere pechar as súas fronteiras terrestres durante a celebración da Eurocopa, a comezos do verán, para evitar que entren os afeccionados ingleses cargados de cervexa e dispostos a destrozar o que se lles poña diante. Parece unha medida esaxerada, especialmente nesta nova Europa que cada vez quere ser máis europea. Por certo que a min o que sempre me asombrou non é tanto a violencia dos hooligans ingleses, que son o reflexo desa mocidade inglesa de procedencia humilde, carente de alicientes vitais e que se alía cos movementos fascistas, senón a súa inmensa capacidade para beber cervexa. Pero non só a súa, a de calquera británico. Por iso sempre me lembro de Ian. De Ían e dunha anécdota que sucedeu hai algúns anos, durante a miña estancia en Gales. Era xa a noitiña en Aberystwyth e estabamos charlando no salón do pub-pensión onde residiamos, cando Ian, un estudiante de Ciencias do Mar que vivía no piso superior entrou a despidirse de nós. Ía cear á casa dun amigo e ambos os dous tiñan previsto manter unha sesión de animada e festiva tertulia ata altas horas da madrugada, así que levaba provisións. O que el chamaba provisións era unha bolsa de deportes chea integramente de latas de cervexa. Xa víramos ao noso amigo engulir cervexas no pub, pero aquilo deixounos atónitos. Ían sorríu, compracido ante a nosa sorpresa, e marchou. Cinco minutos máis tarde, cando xa o esqueceramos, apareceu de novo pola porta.

—É que estiven pensando que se imos pasar toda a noite falando ao meu amigo e a min non nos van chegar as cervexas –dixo convencido.

A continuación achegouse a un dos desvencellados sofás que había no salón, introduciu o brazo por un dos múltiples e xenerosos buratos que se abrían no escai rachado e, das tripas do sofá, comezou a sacar unha asombrosa e interminable cantidade de latas de cervexa que foi gardando nunha bolsa de plástico.

Como sabía que estabamos pendentes del, mirou cara a nós e confesounos:

—É o meu almacén secreto de reserva; pídovos discreción.

E, co novo cargamento ao lombo, desapareceu outra vez pola porta. Tiña por diante unha longa noite de lúpulo.

Ningún comentario: